[Historia publicada orixinalmente o 8 de setembro do 2003]
A pesares do título, esta de aquí non é unha análise sobre o ensino do galego neste país e as consecuencias que trae consigo, ese é traballo para un filólogo. Quedan advertidos :)
Hoxe chegounos ó buzón un folleto de propaganda dunha autoescola do barrio na que nos comenta o doado e barato que é saca-lo carné de conducir con eles. Ademais o texto vén escrito en galego, cousa que me agrada, pero cal sería a miña sorpresa cando leo o seguinte:
Para nós, o alumno e algo máis que un porcentaxe.
A medida que imos lendo a frase chámanos a atención a ausencia dun til no "é", til diacrítico, pero obrigatorio poñelo, de tódolos xeitos. Pero o que en realidade me preocupou foron as dúas últimas palabras: "un porcentaxe".
Nas escolas e institutos de aquí temos unha asignatura chamada
Lingua Galega que se imparte dun xeito moi curioso. Parece ser que para aprender a falar galego non fai falla máis que aprender en qué se diferencia este do castelán, e así as clases (e, colectivamente, os cursos) convértense nun compendio de diferencias entre o castelán e o galego, resultando que a maioría das cousas que se din restrínxense unicamente á ortografía.
Por exemplo, todo o que aprove a asignatura terá que saber que voda, covarde e avogado se escriben con uve; harmonía e os seus derivados levan agá (que é o nome que agora ten a que antes, dicíannos, se chamaba
hache); os adverbios rematados en -mente nunca levan til; a segunda forma do artigo ten máis excepcións que reglas; as palabras rematadas en ditongo decrecente non se acentúan, excepto "máis"... e así con unha chea de formalismos máis.
Unha das normas que máis se coñece (porque ata che fai gracia dicila) é que "tódalas palabras rematadas en -axe son femeninas agás traxe, garaxe, paxe e personaxe". Sempre nos andan cambiando o xénero da última palabra "personaxe", que un ano tiñamos que aprendela como femenina e o seguinte como masculina, pero iso non é o peor. O peor é, que a pesar desta aprendizaxe do idioma a base de diferenciación do castelán, a xente non se dá por enterada.
Unha porcentaxe, por favor.